O vindeiro sábado 2 de abril volvemos cunha nova actividade de voluntariado ambiental no proxecto de custodia Couto da Eirexiña. Con esta iniciativa damos comezo a unha nova tempada de actividades ambientais no monte comunal de Rebordelo que se prolongará durante todo o 2022.

Nesta actividade volvemos coller as luvas e as machadas para rematar de deseucaliptizar unha área do monte comunal de Rebordelo con presenza de eucaliptos. Esta actuación permitirá conectar dous espazos xa deseucaliptizados en voluntariados anteriores, logrando así conectar áreas libres de eucalipto nos terreos de custodia.

E pola tarde, despois do xantar comunitario, realizaremos un roteiro interpretativo polo río Almofrei, onde observaremos os muíños de pedra que están a ser rehabilitados pola veciñanza da parroquia.

Queres ser voluntaria/o nesta actividade?

Se queres participar no voluntariado ambiental podes inscribirte desde esta ligazón:

Formulario

A data límite para a inscrición  será o vindeiro xoves 31 de marzo ás 13:00h, co fin de que poidamos ter tempo para formalizar o seguro e preparar o xantar. A actividade estará limitada a un máximo de 20 persoas

Tamén, se tes algunha pregunta, podes contactar a través do correo coutodaeirexinha@gmail.com

Agardámoste!

Programa do voluntariado ambiental*

9:45 h – Punto de encontro na casa do pobo de Rebordelo

10:00 h – Inicio da actividade de deseucaliptización

14:00 h – Xantar vexetariano na casa do pobo

16:00 h – Roteiro interpretativo polos muíños do río Almofrei

18:00 h – Fin da xornada

* A actividade inclúe os seguros de responsabilidade civil e de accidentes ademais do xantar vexetariano