O Couto da Eirexiña
O Couto da Eirexiña é un proxecto de custodia do territorio que se establece coa comunidade de montes en man común da parroquia de Rebordelo, no concello de Cerdedo-Cotobade. A principal finalidade do proxecto, que conta cunha superficie total custodiada de 172,66 hectáreas, é a conservación e a posta en valor do patrimonio natural e cultural de Rebordelo.
Despois da vaga de incendios forestais de outubro do 2017, que afectou aos terreos da comunidade de montes de Rebordelo, o monte veciñal decidiu mudar a súa estratéxia de xestión do monte para focalizala na repoboación con árbores autóctonas e na conservación e posta en valor dos ecosistemas e da biodiversidade presentes no lugar. Para isto chegouse a un acordo de custodia con ADEGA, a través da súa delegación en Vigo, para que a entidade ecoloxista identificase os hábitats a conservar presentes no monte comunal e tomase un papel activo en canto á planificación de actividades de voluntariado e de educación ambiental para fomentar a defensa, a conservación a e a recuperación do patrimonio natural, histórico e etnográfico de Rebordelo.
Deste xeito naceu o proxecto do Couto da Eirexiña, cuxa principal liña de acción céntrase no voluntariado e na educación ambiental, ferramentas esenciais para o coñecemento e a protección do medio natural.
Os habitats a protexer
Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae) (Código do hábitat 91E0 – Hábitat prioritario)
Este hábitat está composto por amieiros e bidueiros localizados nas beiras do río Almofrei (0,57 ha) e do rego Duxe (2,88 ha). O hábitat caracterízase por formacións hidrófilas arbóreas e arborescentes que se instalan en cursos medios e altos de elevada humidad edáfica e atmosférica. Atópanse fentos relictos do terciario como Hyme¬nophyllum tumbrigense, Dryop-teris aemula ou Culcita macrocarpa.
Estanques temporais mediterráneos
(Código do hábitat 3170- Hábitat prioritario)
Este hábitat ten na parroquia unha orixe antrópica, pois se sitúa nunha antiga corta mineira que deu lugar a un sistema de estanques temporais que teñen un desenvolvemento invernal ou primaveral. Localízase nunha chaira granítica, denominada “Chans de Rebordelo”, e ocupa un total de 0,09 hectareas de superficie.
Rochedos silíceos con vexetación pioneira
(Código do hábitat 8230)
O hábitat 8230 distribuese en afloramentos graníticos, ou en áreas con forte pendente e erosión, e ocupa un total de 11,23 ha. Están colonizados por plantas resistentes a seca de pequeno porte e albergan taxóns bioxeográficamente interesantes, algúns de orixe evolutivo relativamente recente, como certas especies dos xéneros Sempervivum e Sedum
Breixeiras húmidas atlánticas de zonas temperadas de Erica ciliaris e Erica tetralix
(Código do hábitat 4020 - Hábitat prioritario)
Este hábitat prioritario ocupa 0,59 hectáreas e localízase na zona denominada “Chan da Ferradura”. É unha formación arbustiva composta principalmente por Erica tetralix ,e acompañada de Erica ciliaris, Calluna vulgaris e Ulex spp., moi probablemente U. minor ou U. gallii. Este hábitat foi un dos máis afectado polos incendios de 2017 e se atopa en estado de rexeneración natural.
Breixeiras/Uceiras secas europeas
(Código do hábitat 4030)
Este habitat abrangue unha superficie total de 9,43 de hectareas e conforma un espazo de Breixeira-toxeira dominado principalmente por Ulex europaeus, e acompañado por Calluna vulgaris e en menor cantidade por Erica cinerea. Atópase distribuído en diferentes zonas de transición entre matogueira e bosque ou rochedos.
Bosques de Castanea sativa
(Código do hábitat 9260)
Os bosques de Castanea sativa estendese na parroquia por unha superficie de 11, 91 ha, e distribúense en dúas masas procedentes de plantacións antigas que presentan unha rexeneración seminatural. Ademáis dos castiñeiros, están presentes outras especies de vexetación asociada como o Ilex aquifolium e as acidófilas Pyrus cordata, Frangula alnus.
Bosques galaico-portugueses con Quercus robur e Quercus pyrenaica
(Código do hábitat 9230)
Os bosques de Castanea sativa estendese na parroquia por unha superficie de 11, 91 ha, e distribúense en dúas masas procedentes de plantacións antigas que presentan unha rexeneración seminatural. Ademáis dos castiñeiros, están presentes outras especies de vexetación asociada como o Ilex aquifolium e as acidófilas Pyrus cordata, Frangula alnus.