O patrimonio de Rebordelo

A posta en valor dun patrimonio comunitario
Unha das accións de actuación do Couto da Eirexiña é a conservación e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial da parroquia de Rebordelo. A historia cultural e as xentes do lugar, en interacción coa biodiversidade, a xeodiversidade e os procesos xeomorfolóxicos, conforman a riqueza paisaxística e o legado cultural deste territorio, un aspecto fundamental a protexer e difundir.
Así, a comunidade veciñal de montes en man común de Rebordelo ten un valor incalculable na conformación destes saberes e nas transformacións sufridas no territorio ao longo dos séculos. Isto deu lugar á actual variedades de paisaxes e á distribución de mosaicos nos usos do solo presentes na parroquia.
Por iso, a decisión da comunidade de montes de Rebordelo en realizar unha xestión do terreo comunal baseada na conservación e na restauración dos bosques autóctonos, é unha aposta clara pola conservación colectiva de todo o patrimonio comunitario presente na parroquia.
Rebordelo e súa riqueza natural e patrimonial
A parroquia de Rebordelo se atopa localizada no Concello de Cerdedo-Cotobade e ten unha extensión de 6,8 km² e unha poboación de 145 habitantes. Nesta superficie localízanse a gran variedade de hábitats e ecosistemas e elementos patrimoniais e etnográficos a conservar e protexer.
Entre o patrimonio natural destacan as carballeiras galaico-portuguesas, os bosques de castiñeiros, os bosques de ribeiras, as charcas temporais, as matogueiras e os rochedos, os cale conforman unha gran variedade paisaxística e unha gran riqueza ecosistémica e de biodiversidade.
Pola súa banda, na parroquia están presentes diferentes elementos etnográficos e culturais como son as tradicionais levadas de auga, os muíños, os lavadoiros ou os hórreos. Tamén destaca a igrexa románica e barroca de San Martiño de Rebordelo, co seu elemento arquitectónico de antefixa cunha iconografía en forma de serpe/dragón, testemuña que recolle o patrimonio inmaterial galego. Tamén son salientableis elementos como o cruceiro da carballeira de A Porteliña, a ermida de San Brais ou o foxo do lobo.