O voluntariado e a educación ambiental

O bosque autóctono, un patrimonio a conservar
En Galiza, o bosque atlántico é un patrimonio de enorme valor medioambiental, capaz de achegar ao medio e á sociedade unha gran cantidade de recursos ecosistémicos. A súa conservación é clave tanto para sustentabilidade do territorio como para a biodiversidade do lugar.
Por estes motivos, unhas das principais liñas de actuación do Couto da Eirexiña son a realización de accións de educación e voluntariado ambiental encamiñadas á recuperación, conservación e posta en valor dos bosques autóctonos.
Deste xeito, as repoboacións con árbores autóctonas, a eliminación de Especies Exóticas Invasoras (EEIs) como o eucalipto ou a acacia negra, ou a promoción dos valor naturais destes ecosistemas, son algunhas das actividades principais que desenvolvemos desde o proxecto.
E para acadar estes obxectivos, tamén estamos integrados en rede con outras iniciativas coas que colaboramos activamente, como son Cousa de Raíces e as Brigadas Deseucaliptizadoras.
En defensa dos ríos e das charcas
Os sistemas fluviais, riparios e os bosques de ribeira son ecosistemas de gran biodiversidade, tanto polas súas particularidades como pola gran variedade de microhábitats que albergan, mais tamén por teren unha función clave no medio natural: actúan como corredores ecolóxicos capaces de dar continuidade aos ecosistemas, contrarrestando así a fragmentación do territorio.
Pola súa banda as charcas son pequenas masas de auga que conforman ecosistemas de gran importancia, non só porque constitúen o hábitat de numerosas especies de flora e fauna, senón que diversifican a paisaxe, favorecen a biodiversidade e actúan tamén como corredores ecolóxicos.
Deste xeito, algunhas das actividades que desenvolvemos desde o Couto da Eirexiña son as inspeccións do estado ecolóxico do río Almofrei a través do Proxecto Ríos e a monitorización e recuperación do bosque de ribeira, así como a restauración e seguimento dun sistema de charcas a través do proxecto Charcas con vida.
Coñecendo a biodiversidade
A biodiversidade é un dos principais aspectos máis ameazados ante o actual paradigma de cambio climático. Por outra banda, a fragmentación e a dispersión territorial, a xestión productivista forestal baseada no monocultivo, as Especies Exóticas Invasoras e outras actividades como a caza e a pesca, supoñen un grave perigo para biodiversidade, xa que leva a súa redución, extinción e á perda do equilibrio ecosistémico.
Desde o proxecto do Couto da Eirexiña levamos a cabo estudos de biodiversidade para coñecer a riqueza ecosistémica e de especies presentes no territorio, seguindo a máxima de coñecer para protexer.
Deste xeito realizamos bioblitz colectivos de descuberta de biodiversidade, e a través de cámaras de fototrampeo, realizamos estudos de mamíferos, contribuíndo así ao proxecto do Atlas de Mamíferos de Galicia.Tamén levamos a cabo un mapeo dos diferentes hábitats presentes ao longo de toda a comunidade de montes, avaliando o seu estado de conservación e así como as medidas a adoptar para acadar o seu máximo potencial.
Queres participar no Couto da Eirexiña?
Se queres, podes subscribirte á listaxe de difusión do proxecto de custodia do territorio Couto da Eirexiña e participar nas xornadas de restauración ambiental que realizamos no monte comunal de Rebordelo, no concello de Cerdedo-Cotobade.
Así recibirás no teu correo toda a información relativa dos diferentes voluntariados ambientais do Couto da Eirexiña, xunto co formulario de inscrición de cada actividade.