O vindeiro sábado 27 de novembro volvemos ao monte cunha nova actividade de voluntariado ambiental. Nesta xornada adicaremos os esforzos a restaurar ambientalmente unha área da comunidade de montes de Rebordelo mediante a eliminación de eucaliptos. Tamén sementaremos esta área coas landras de carballos e sementes de bidueiras recollidas durante o magosto solidario do pasado mes de outubro.

Deste xeito favoreceremos a creación dun bosque autóctono nunha área degradada pola presenza de especies exóticas invasoras.

E pola tarde, despois do xantar, realizaremos un obradoiro de cultivo de cogomelos en troncos. Durante esta actividade aprenderemos a cultivar os nosos propios cogomelos, unha práctica que pretende amosar outras alternativas orientadas a potenciar a multifuncionalidade do monte.

Queres participar?

Se queres participar nesta actividade, podes inscribirte desde esta ligazón:

Formulario

A data límite para a inscrición  será o vindeiro xoves 25 de novembro ás 13:00h, co fin de que poidamos ter tempo para formalizar o seguro e preparar o xantar. A actividade estará limitada a un máximo de 20 persoas, e para realizala será obrigatoria a utilización de máscaras, ademais de manter a distancia de 1.5-2 metros.

Tamén, se tes algunha pregunta, podes contactar a través do correo coutodaeirexinha@gmail.com

Agardámoste!

Programa do voluntariado ambiental*

9:45 h – Punto de encontro no estadio As Extremas (Carballedo)

10:00 h – Inicio da actividade de deseucaliptización e repoboación

14:00 h – Xantar vexetariano na casa do pobo

16:00 h – Obradoiro de cultivo de cogomelos en troncos

18:00 h – Fin da xornada

* A actividade inclúe os seguros de responsabilidade civil e de accidentes ademais do xantar vexetariano