Coa entrada deste ano 2021 temos o pracer de anunciar un novo proxecto posto en marcha na comunidade de montes de Rebordelo: os coutos micolóxicos do Souto de San Brais e do Souto do Peireral. Esta iniciativa nace do traballo conxunto entre a comunidade de montes de Rebordelo e MycoGalicia, de tal xeito que desde este mes xa están operativas estas áreas reservadas para apañar cogomelos.
Ambos coutos micolóxicos, localizados en dúas parcelas do monte comunal de Rebordelo que forman parte dos terreos en custodia do Couto da Eirexiña, nacen por unha aposta da comunidade de montes por potenciar a multifuncionalidade do monte de xeito sostible. Este proxecto permite así unha posta en valor dos recursos naturais presentes na parroquia, ademais dunha mellora na ordenación e xestión do monte comunal, xa que os dous coutos abranguen unha área total de 9.4 hectáreas.
Que son os coutos micolóxicos?
Os coutos micolóxicos son áreas destinadas ao aproveitamento de cogomelos que deben ser xestionadas dun xeito adecuado. Estas áreas conforman unha figura para a xestión e ordenación forestal a cal está incluída en Galicia desde o ano 2014 a través do Decreto 50/2014, do 10 de abril. Polo tanto, para extraer cogomelos dun couto micolóxico é imprescindible a autorización dos propietarios forestais constituíndo así esta figura unha ferramenta para a ordenación e xestión sostible do monte.
Queres mercar permisos para apañar cogomelos?
Se estas interesada ou interesado en recoller cogomelos nas dúas áreas destinadas a este fin, podes adquirir os permisos na páxina de Coutos Micolóxicos de Galicia, os cales dan acceso á apañar cogomelos no Souto de San Brais e no Souto do Peireral.
Os prezos do permisos para os coutos micolóxicos son de 5 euros para o permiso diario e de 35 euros para o permiso anual, os cales dan dereito a un cupo de 2 kg/día. As especies de cogomelos que se poden apañar nestas áreas micolóxicas son Boletus edulis, Boletus reticulatus, Lactarius deliciosus e Cantharellus cibarius. Ademais con cada permiso recibirás en pdf a guía “Boas prácticas do apañador de cogomelos”, e co permiso anual obterás tamén vantaxes nas saídas de campo (desconto 10%), eventos e consultas micolóxicas realizadas por MycoGalicia.
Ademais, coa adquisición destes permisos estarás a contribuír á xestión ordenada do monte comunal, axudando a facer posible as diferentes actividades de voluntariado e educación ambiental que se desenvolven dentro do proxecto de custodia do Couto da Eirexiña.
Podes consultar toda a información e adquirir os permisos directamente na páxina de Coutos Micolóxicos de Galicia xestionada por MycoGalicia:
https://couto.mycogalicia.es/gl/
Vémonos no monte!