Desde o Couto da Eirexiña, o proxecto de custodia do territorio que nace da man de ADEGA Vigo e a comunidade de montes en man común de Rebordelo, queremos agradecer a todas as voluntarias que participaron no 2019 neste proxecto ambiental comunitario centrado na defensa e a posta en valor do patrimonio natural e da biodiversidade do bosque autóctono.
Grazas a vosa participación e a vosa achega altruísta de traballo e de tempo conseguimos intervir nunha gran superficie do territorio durante as diferentes labores de custodia co fin de restaurar ambientalmente este espazo comunitario de gran valor ambiental. Deste xeito restauráronse ambientalmente neste ano 2019 un total de 11 hectáreas mediante traballos de control de Especies Exóticas Invasoras, ademais de seren repoboadas un total 8 hectáreas durante as actividades de repoboacións con especies autóctonas.
Todos estos labores constitúen un traballo local e participativo que ten un enorme potencial na loita contra o Cambio Climático, dotando ao territorio de maior resiliencia e de recursos ecosistémicos ante a actual crise climática.
Un ano cheo de educación e de voluntariado ambiental!
Neste primeiro ano e medio de vida do Couto da Eirexiña realizáronse xa un total de 15 actividades de educación e voluntariado ambiental nos montes de Rebordelo. Actividades que contaron coa participación de máis de 200 voluntarias, polo que só podemos ter palabras de agradecemento.
Entre todas puidemos realizar actividades de repoboación con árbores autóctonas, xornadas de eliminación de Especies Exóticas Invasoras como eucalipto ou a acacia, labores de restauración e de posta en valor de charcas, así como actividades de custodia fluvial no río Almofrei ou de estudos poboacionais nos bosques da parroquia. Dentro destes estudos poboacionais, fixemos unha intensa labor de recoñecemento da herpetofauna presente no lugar grazas á colaboración de Levantando pedras.
Tamén apostouse nesta andaina polo traballo en rede participando nas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia, nas Deseucaliptizacións Simultáneas que promove Cousa de Raíces ou facendo parte da rede do Proxecto Ríos ou Charcas con Vida. Tamén queriamos gradecer ao grupo scout Chan 492 por realizar o seu campamento anual nos terreos en custodia
Tecendo tecido social!
Ademais todas estas xornadas viñeron acompañadas de xantares comunitarios na Casa do Pobo de Rebordelo que sen dúbida axudaron a afianzar o tecido social, a comunidade e as sinerxías, aspectos crave para multiplicar e espallar proxectos sociais e ambientais ao longo do país. Tamén, durante estas actividades realizáronse roteiros interpretativos e diferentes obradoiros co fin de coñecermos os valores naturais presentes nos bosques de Rebordelo, así como outras prácticas baseadas na multifuncionalidade do monte que escapan das lóxicas produtivas do monocultivo de eucalipto e piñeiro.
Unha vez máis, mil grazas por seren parte activa do Couto da Eirexiña. Sen vós non sería posible. Desexámosvos un feliz ano 2020, un ano que agardamos veña cheo de proxectos que poñan a vida no centro así como a necesidade de procurar modelos sustentables ante a actual situación de emerxencia climática, ecolóxica e social!
Neste 2020, vémonos no monte!