O vindeiro sábado 14 de decembro imos realizar unha nova actividade de voluntariado e educación ambiental no Couto da Eirexiña. Con esta xornada imos despedir este ano 2019, un ano que sen dúbida estivo cheo de actividades e de participación grazas a todas as voluntarias que vos achegastes nalgunha ocasión a este proxecto de custodia do territorio e de protección da natureza. E como novidade, ao final da xornada imos realizar un obradoiro de inoculación de cogomelos!!
Nesta actividade do mes de decembro imos realizar unha nova labor de restauración ambiental en terreos que foron fortemente degradados durante os incendios forestais de outubro do 2017. Deste xeito, a actividade consistirá principalmente na repoboación do lugar con diversas especies de árbores autóctonas, actividade combinada xunto con labores de eliminación de Eucalyptus globulus presentes nesta área do monte comunal.
Como xa é costume, esta actividade ímola acompañar cun xantar comunitario e vexetariano na casa do pobo de Rebordelo. E pola tarde, despois do xantar, realizaremos un obradoiro de inoculación de cogomelos co obxectivo de presentar o proxecto de coto micolóxico que a comunidade de montes de Rebordelo está deseñar e desenvolver nos terreos do monte comunal. Deste xeito, queremos poñer en valor outras actividades que apostan pola multifuncionalidade do monte e pola conservación dos nosos bosques autóctonos.
Queres participar nesta actividade? Podes inscribirte enviando un correo a adegavigo@adega.gal indicando o teu nome, data de nacemento, dni, teléfono e de ser o caso, alerxia ou intolerancia alimentaria. Ademais a actividade inclúe o seguro de responsabilidade civil!
Vémonos no monte!!
Programa do voluntariado ambiental:
09:45h – Punto de encontro na Casa do Pobo de Rebordelo
10:00h – Inicio da actividade de restauración ambiental
14:00h – Xantar vexetariano e comunitario na Casa do Pobo
15:30h – Obradoiro de inoculación de cogomelos
18:00h – Fin da xornada