Durante o mes de xullo, o Grupo Scout Chan 292 de Santiago de Compostela realizou o seu campamento anual en terreos custodiados do Couto da Eirexiña, localizados no monte comunal de Rebordelo.

Na súa estadía de tres semanas, desde o Couto da Eirexiña realizamos diferentes actividades de educación e voluntariado ambiental coa rapazada scout, co fin de interpretar a natureza que nos rodea, ademais de coñecer as principais ameazas ambientais que afectan ao monte galego e a súa biodiversidade.

Deste xeito realizamos inspeccións do estado físico-químico das augas do río Almofrei ao seu paso pola parroquia, e aprendemos tamén sobre a biodiversidade que se agocha nas augas e nos bosques de ribeira. Entre todas realizamos así unha acción de custodia fluvial, facendo fincapé na importancia comunitaria na conservación da natureza e dos seus servizos ecosistémicos.

Tamén realizamos un bioblitz, ou descuberta de biodiversidade, para coñecer os mamíferos, as aves e os insectos que cohabitan connosco no bosque co fin de aprender o importante papel que xoga a biodiversidade nos ecosistemas que nos rodean. Para isto estudamos e identificamos diferentes pegadas, excrementos e outros rastros e sinais que fomos atopando polo camiño, que coa axuda de fichas interpretativas, conseguimos identificar entre todas aos animais que previamente pasaron por alí. Tamén empregamos unha cámara de fototrampeo para a observación directa da fauna, un método non invasivo que permite fotografar e/ou gravar aos animais cando pasan diante da cámara.

Por último levamos a cabo unha actividade de eliminación de Especies Exóticas Invasoras (EEIs) na área coñecida como a ermida de San Brais. Durante esta actividade centrámonos na eliminación de acacia negra ou Acacia melanoxylon, unha especie que aprendemos que vén desde Australia e que ten un gran carácter invasivo que pon en perigo ás especies autóctonas. Así realizamos accións de retirada manual dos exemplares máis pequenos e descasque da cortiza das árbores de maior porte. Entre toda a equipa conseguimos intervir nunha grande área en pouco tempo… sen dúbida non hai nada como o traballo colaborativo e a axuda mutua para avanzar!!

Desde o Couto da Eirexiña estamos máis que agradecidas ao Grupo Scout Chan 292 por teren escollido o monte comunal de Rebordelo para realizaren o seu campamento anual. Foi unha experiencia máis que enriquecedora e da que desfrutamos moitísimo!

Até a seguinte amigas!

Vémonos no monte!