O sábado 14 de setembro voltamos ao monte para realizar unha nova xornada de deseucaliptización no Couto da Eirexiña. Durante esta actividade centrarémonos na eliminación do Eucalyptus globulus presente no monte comunal, ampliando así a zona de intervención das últimas xornadas deseucaliptizadoras realizadas no mes de maio.

Tamén imos facer un varrido rápido para eliminar entre todas os brotes novos de eucaliptos que están a aparecer nunha area intervida en agosto do ano pasado, a cal foi unha das máis afectadas polos incendios forestais de outubro do 2017. Se unha cousa temos clara, é que a constancia e o traballo en equipa son grandes aliadas nos procesos de restauración ambiental.

Esta actividade acompañarémola cun xantar comunitario e vexetariano na casa do pobo de Rebordelo, e pola tarde realizaremos un roteiro interpretativo polo monte comunal. Durante este roteiro descubriremos a natureza presente nos terreos custodiados, así como novos xeitos de planificar o monte fóra dunha lóxica produtivista, pensada sempre na conservación e na restauración ambiental.

Préstache participar nesta actividade? Podes inscribirte enviando un correo a adegavigo@adega.gal indicando o teu nome, teléfono e de ser o caso, alerxia ou intolerancia alimentaria.

Vémonos no monte!!

Programa do voluntariado de repoboación:

09:45h – Punto de encontro na Casa do Pobo de Rebordelo
10:00h – Inicio da actividade de voluntariado
14:00h – Almorzo comunitario na Casa do Pobo
15:30h – Roteiro interpretativo pola comunidade de montes
18:00h – Fin da xornada