O vindeiro sábado 6 de abril terá lugar, no proxecto de custodia do territorio do Couto da Eirexiña, unha actividade de reforestación con árbores autóctonas que está integrada no plan de recuperación ambiental do monte comunal de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade).

O principal obxectivo desta actividade de educación e voluntariado ambiental está focalizada na recuperación da área denominada o “rego das ras”, un pequeno regueiro de montaña que ten un alto valor ecolóxico para a fauna anfibia, así como para o sistema hídrico da área en custodia. Esta área foi afectada pola vagas de incendios forestais de outubro do 2017.

Durante esta actividade de voluntariado procederase á eliminación de Especies Exóticas Invasoras (EEIs) presentes no lugar, así como á plantación de frondosas autóctonas (principalmente de Betula alba e Salix alba). A súa vez levaranse a cabo traballos destinados á recuperación de solos.

A xornada dará comezo ás 9:45h na casa do pobo de Rebordelo. A actividade vai acompañada dun xantar comunitario e dun roteiro interpretativo para dar a coñecer a xestión forestal sostible de conservación e recuperación do bosque autóctono e da biodiversidade que están a levar a cabo as comuneiras e comuneiros da parroquia de Rebordelo.

Esta actividade está organizada por ADEGA Vigo e o Couto da Eirexiña, e conta coa colaboración da comunidade de montes de Rebordelo e a plataforma Cousa de Raíces.

Podes inscribirte neste voluntariado antes do xoves 4 de abril enviando un correo a adegavigo@adega.gal

Agardámoste!

Programa de voluntariado de repoboación:

09:45h – Punto de encontro na Casa do Pobo de Rebordelo
10:00h – Inicio da actividade de voluntariado de repoboación
14:00h – Almorzo comunitario coa asociación veciñal e a CMVMC de Rebordelo
15:30h – Roteiro interpretativo pola comunidade de montes
18:00h – Fin da xornada