O pasado 18 de agosto e 13 de outubro do 2018 tiveron lugar as primeiras xornadas de participación das brigadas deseucaliptizadoras no monte comunal de Rebordelo, dentro dos límites do Couto da Eirexiña. A zona de actuación corresponde a un proxecto de custodia comunitaria do territorio posto en marcha pola comunidade co fin de crear unha franxa de protección e conservación que protexerá a aldea ademais de preservar os recursos ecosistémicos e o seu patrimonio ambiental.
En total fomos 20 voluntarias e voluntarios en cada quenda, que con moita enerxía, comezamos a xornada facendo unha cadea para arrincar os retoños de semente, na zona afectada polos incendios de 2017, e realizamos a corta e retirada da masa de eucaliptos queimados de pequeno porte que predomina nesa área. Tamén desprazámonos a unha carballeira en fase de consolidación, que contén masas de colonización de eucalipto. Nesta área empregamos a técnica de descasque, arrincando a cortiza da árbores desde o chan até o metro e medio de altura. Con esta técnica conseguimos a morte do eucalipto, xa que reduce a súa taxa de crecemento co fin de destinar os seus recursos á cicatrización do tronco. Desta forma evítase a produción de semente, e xeramos unha vía de entrada para fungos e patóxenos, evitando así a posibilidade de retoño da planta xa que de producirse estes, serían demasiado débiles para aguantar as xiadas do inverno e a presión do gorgollo.
Este método, empregado xa na comunidade con experiencias positivas (a árbore morre no prazo dun ano, momento en que retiramos o tronco seco) presenta a vantaxe que durante o proceso de seca, séguese mantendo parte da cuberta arbórea, polo que evitamos o crecemento da matogueira ata a retirada definitiva do tronco, evitando o esforzo e gasto que supón facer accesibles estas áreas illadas dentro das toxeiras que predominan nesa zona de transición entre estadios de sucesión ecolóxica. Ademais a retirada posterior do tronco e menos lesiva para o estrato arborescente e as árbores que están próximas e queremos conservar, xa que se reduce seu peso e a superficie de copa e ramas secundarias, son moito menos extensas e máis lixeiras no momento da súa retirada, provocando menos danos no seu abatemento e facilitando a retirada de xeito manual.
Finalizadas as xornadas de traballo celebramos o albaroque na casa do pobo de Rebordelo, desfrutando da comida e do grupo de participantes, de conversas, de intercambio de experiencias que logo dunha longa sobremesa rematamos cun pequeno roteiro polo sendeiro do Sabugueiro e unha tarde no río na praia fluvial de Carballedo.
Grazas voluntarias e voluntarios!!
Vémonos na seguinte brigada!!